UNHA FESTA MOI ESPERADA

Despois de pasar días falando do Samhaín, e semanas agardando por el, por fin chegou o día no que celebramos en Amorín a festa do magosto e o Samhaín. Todos estabamos expectantes por coñecer que pasaría e ademais chegamos moi guapos... dabamos medo de verdade cuns disfraces xeniais!

Primeiro fixemos unha gran roda e todos movemos o esqueleto co profe Martín (acaba de chegar pero xa ten gañados ós nenos de Vilachán). Despois sentámonos e, moi caladiños, escoitamos á banda de música de Goián (á que aproveitamos para dar as grazas por acompañarnos e invitarnos a sair a bailar con eles) e a actuación de "Corre, corre cabaciña" que fixeron algúns profes para todos. 

Tras este tempo empezou o momento do xogo, e a diversión deu comezo. Tratamos de encestar castañas nunhas bocas terroríficas, tentamos levar unha castaña nunha culler (empregando a boca), bailamos por parellas ben pegadiños tratando de soster unha castaña con diferentes partes do noso corpo, fixemos unha gran pesca e recolecta de piexes/castaña, disfrazámonos nun periquete de pantasma e tratamos de adiviñar de quen se trataba, buscamos tesouros con forma de castaña no areeiro... 


Tras tanta actividade deunos moita fame, menos mal que tiñamos por alí a ANPA do cole... grazas ó seu esforzo toda a mañá tomamos uns bocadillos de chourizo que nos gustaron a todos e pelamos e probamos unhas ricas castañas.

Antes de que rematase a festa, deunos tempo de explorar todo o patio de Amorín, e mesmo fixemos xuntos un buraco enorme na area. Acabamos cansos, pero moi contentos.
Foron días intensos pero foi un pracer compartir esta divertida experiencia. 






Comentarios

Entradas populares